A idea de que esta sempre foi unha zona atrasada e illada aparece insistentemente en tódolos libros que van caendo nas nosas mans, nosoutros pensamos, en cambio, que este fenómeno é moderno e froito do progreso.

A mediados do século pasado produciuse unha gran transformación socioeconómica, construíronse moitas carreteiras, a xente empezou a ter coches particulares, melloráronse as vivendas e as explotacións agrarias, aumentaron os servicios públicos, etc., todas esas transformacións non chegaron aquí ata moito mais tarde e algunhas non chegarán nunca (transporte público, servicios sanitarios ) e esa carencia é a esencia da incomunicación que padecemos.

Antes, en cambio, a finais do século XIX e primeiros do XX, a xente ía a Arxentina e volvía, traballaban nas
minas do Bierzo, había un gran intercambio cultural e económico a través das feiras parroquiais (Donís,
Seixas…) e comarcais (Navia de Suarna, O Espín…), estabamos relativamente cerca da única vía de
comunicación importante ( N. VI )… a xente trasladábase no medio de comunicación normal na época (o
cabalo) e había sitios nos que podías deixalo un día ou dous se tiñas que continuar viaxe…

Seica en tempos pasados este pobo foi incluso importante como demostra o feito de que houbera un escribán ata finais do século XVII e tamén din que houbo algunha norma, durante moitos anos, que lles permitía ós mozos que estaban en quintas optar entre ir servir ó Rei ou manter limpos de neve os camiños que comunican ca zona de León; era esa unha tarefa importante porque ata aquí chegaban os pastores transhumantes cos seus rabaños de cabras e ovellas, dos que se poden ver na nosa braña (no lugar chamado a Meixón Vella) os restos dos correlos e as cabanas dos Estremeños.

Un sistema de organización e toma de decisións comúns: no que os elementos esenciais son “o Concello” e “o celador”

O concello consiste na xuntanza de todos os veciños para debater e organizar os problemas e as tarefas que lles afectan. Na actualidade en Piornedo celébranse na escola sempre que hai que acordar cuestións do monte (rozar sendeiros, arranxar a alambrada das verdias, plantacións…) ou do pobo (traída de augas, amañar camiños e fontes…).

Cada familia ten dereito a un voto, aínda que poden asistir ó concello varios membros de cada casa.
O celador é o encargado de xuntar ó pobo a petición dalgún veciño e de informar do motivo do concello; é ademais o custodio temporal do libro (no que se apuntan contas e cuestións importantes). O cargo vai rotando mensualmente por todas as casas.

A defensa do monte

O monte é unha das nosas riquezas máis importantes e foi tamén fonte de moitos problemas e litixios. Continúa sendo propiedade do veciños, está sen dividir pero a cada veciño correspóndelle unha parte proporcional que se mide en fanegas.

A defensa dos intereses do monte levounos xa a finais do século XVIII a un preito na Real Chancillería de
Valladolid con veciños de Suarbol, por mor dos aproveitamentos de pastos, leñas mortas e madeira, nos lindes entre os montes dos dous pobos, que finalizou coa Real Carta Ejecutoria de 1799 do Rei Carlos IV mediante a cal se nos outorgaban eses dereitos e se prohibía expresamente apresar gando solto (o que nós chamamos prindar).

A mediados do século XX volveu a plantexarse a mesma cuestión cos veciños de Suarbol e tamén fomos ós tribunais; naquela ocasión o monte de Suarbol xa pasara a ser Monte en Man Común, polo que o
preito acabou sendo contra o Estado. A sentencia do tribunal supremo (sala do contencioso-administrativo) o 3 de xullo de 1965 estimaba o recurso interposto polos veciños de Piornedo contra resolución da Dirección Xeral de Montes sobre recoñecemento de determinados gravames no monte de Suarbol.

A finais do século pasado volveu a suscitarse a cuestión da defensa dos intereses lexítimos do monte impedindo o pobo que se construíse unha estrada pola reboleira do Val da Freita.

Tamén tivemos que organizarnos e realizar xestións colectivas para evitar que o noso monte pasara a ser de Man Común por decreto, para que non se realizaran plantacións de piñeiros…

A chegada da carreteira

A primeiros do s. XX a estrada chegou os Cabaniños (a uns 10 km de Piornedo) grazas a unha empresa madeireira que a precisaba para sacar a madeira do Avisedo de Vilarello. Foron aqueles uns anos de bonanza económica para toda a parroquia porque había moitos xornais para picar pedra, manter as liñas, talar árbores, etc. Abríronse bares e fondas, fixéronse arranxos nas casas…

A partires dese momento empezaron a chegar os materiais para as casas ata Os Cabaniños e dende ese lugar transportábanse con cabalos ata os pobos. Tamén recordamos algúns, polos anos 60, ir a cabalo ata este lugar, onde viña dúas veces ó ano un médico e unha enfermeira para mirar e vacinar os nenos. Por paradóxico que pareza foi a vez que tivemos os servicios sanitarios mais cerca e continúan alonxandose… hoxe o pediatra mais cercano está en Becerrea (a 60 km.), dúas veces por semana.

Foi en 1970 cando chegou a carreteira ata Piornedo (aínda sendo un dos lugares privilexiados da parroquia porque xa empezaba a ser coñecido) e con ela os primeiros coches. Este feito supuxo un avance importante pero no inverno a incomunicación era case continua a causa das nevadas, das xeadas na costa dos Cabaniños, etc.

Hoxe en tódolos pobos hai unhas coitelas que se adaptan ós tractores para retirar a neve e a estrada por Navia de Suarna axudou a manter comunicada esta parte da serra.

A luz eléctrica

Tivemos unha planta propia, movida por unha turbina no río, que funcionou ata 1965 e, aínda que non era moi potente, alimentaba seis lámpadas por casa. A auga do río movía tamén seis muíños (un por cada tres ou catro veciños) dos que hoxe se conserva parte das paredes.

Despois de 1972 fixeron os tendidos de Fenosa; supuxo un avance importante pero había longas e constantes avarías producidas sobre todo polo aire e as nevadas.

A escola

Piornedo foi o segundo pobo de Cervantes en ter escola, despois de Vilanova. Mandaron un mestre para a parroquia e como en Donís non cederon ningún local, os veciños aproveitaron a ocasión e ofreceron o cuarto de Pedrete.

Despois xa quedou para sempre a escola en Piornedo, primeiro no cuarto de Pedrete e despois no do Coxo. Foi aló polo ano 45 cando fixeron o local da escola (con casa para o mestre, que antes vivía no cuarto da Rigueira) que hai hoxe, en pago pola madeira do Val da Freita que vendeu o pobo.

A escola foi entón unha consecución dos veciños e un feito moi valorado por todos, pero a diminución do número de nenos fixo que se acabaran construíndo colexios mais grandes e concentrando neles os nenos de varios lugares. Hoxe en día utilizámola para as xuntanzas do concello e como sé da Asociación “O Teixeiro”.

A traída da auga

A traída da auga tamén é unha gran obra feita polos veciños. Moitos recordamos como entre os anos 1973 – 1976 os veciños, cansos de ir buscar caldeiros de auga á fonte e empuxados pola necesidade de instalar cuartos de baño, empezaron a facer longos e tensos concellos nos que ó final decidiron traer entubada unha parte da auga da Fonte de Sana Barrigas (a uns 5 Km.).

Puxeron todos a man de obra e, coa axuda do cura, pediron unha subvención para mercar os tubos. O sistema de reparto da auga, que dura dende aquela, é orixinal pois tódolos veciños teñen dereito á mesma cantidade de auga e poden regar co que non consumen.

O abandono das pallozas como vivenda

Como xa vimos anteriormente cando veu a estrada foi cando empezamos a deixar de habitar nas pallozas, por varias razóns: chegaban os materiais en camións ata o pobo o que abarataba moito o custo das obras; empezou a vir moita xente de fora que quería ver como vivíamos nas pallozas e producíanos algo de vergoña vivir nun escaparate; cada vez se lle daba máis importancia a cuestións como a hixiene…

Daquela foi cando se fixeron a maior parte das casas nas que vivimos actualmente, case todas ampliando os cuartos dos que xa dispoñían as familias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *